Quen somos

A Liga Reumatolóxica Galega é unha asociación sen ánimo de lucro formada por persoas con enfermidades reumáticas, familiares e profesionais, que traballa co obxectivo de ofrecer soporte e asesoramento á persoa afectada por unha enfermidade reumática, e ao seu entorno familiar. Dende a súa fundación no ano 1996, a súa actividade diríxese a mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por calquera tipo de doenza reumática. A Liga Reumatolóxica Galega representa ao colectivo de persoas con enfermidades reumáticas ante a Administración, Institucións e ante a Sociedade, co fin de sensibilizar aos poderes públicos e á poboación xeral da importancia que teñen os reumatismos, para favorecer a investigación sobre as causas deste tipo de enfermidades e sobre novos tratamentos para combatelas.
O feito de chamarse liga en lugar de asociación responde a que traballa para combater non só unha enfermidade reumática, senón a todas as enfermidades relacionadas co aparello locomotor, que son máis de duascentas. En España existen outras ligas autonómicas como son a Catalana, a Andaluza, a Asturiana, a Valenciana…
A Liga Reumatolóxica Galega é socia fundadora de CONFEPAR (Confederación Española de Pacientes Reumáticos), asociación que pretende agrupar os esforzos das asociacións de ámbito local ou autonómico que loitan contra as enfermidades reumáticas e as súas consecuencias.
Finalidade
A Liga Reumatolóxica Galega é unha entidade creada coa finalidade de ofrecer soporte, información e asesoramento ás persoas afectadas por unha doenza reumática e aos seus familiares; apoiar a investigación ao redor deste tipo de enfermidades e sensibilizar á sociedade e ás distintas administracións; todo isto co obxecto de mellorar a calidade de vida das persoas con afeccións reumáticas.
Obxectivos
Obxectivo Xeral
Mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por doenzas reumáticas e a dos seus familiares.
Obxectivos Especificos:
- Axudar ás persoas con doenzas reumáticas e aos seus familiares nas súas confusións, medos e dúbidas, poñendo ao seu alcance os medios que lle permitan resolver as dificultades que comporta a enfermidade.
- Ofertar espazos de información clara e comprensible sobre as enfermidades reumáticas e sobre os ámbitos que quedan afectados por estas (social, psicolóxico, laboral, xurídico e económico).
- Dar soporte profesional psicolóxico e social.
- Aprender do contacto con outras persoas que viven situacións similares e coñecer outros xeitos de facer fronte á enfermidade.
- Sensibilizar á sociedade e á opinión pública con respecto aos reumatismos.

Comentarios recentes